Skip to content

Volver da febre

14/03/2010

Non hai achega a este libro que non ande algún dos planos da violencia: desexo, medo, extravío, coñecemento. A problematización do espazo relacional e as súas formas de asfixia percórreno e avisan a cada tanto, mesturadas con outras e diversas facianas dos mecanismos de poder: “Onde gardamos o que sabemos sobre as cordas?”.

Xiana Arias: Acusación. Galaxia, 2009

Judith Butler e Rosalía de Castro naceron un 24 de febreiro separadas por 119 anos, feito que coñece a poeta que escribe para se inculpar e que pode explicar moito do que en Acusación lemos. A propósito de Antígona preguntábase a pensadora norteamericana se pode existir parentesco, non referido especificamente a familia, sen o apoio e a mediación do estado. Esta, máis ben formulada no sentido inverso, é unha das interrogantes que importan no libro. O coñecemento da linguaxe do poder amósase desde o título, a confrontación con ela pasa por non escoller a porta do medio.

Nas liñas de fuga que parten da desavinza entre a “intención de saberme enteira” e o intento de, coa Velvet Underground, “correr, correr, correr, correr…” habita a poeta que compón estes textos. Sen agochar a fraxilidade nin permitirse nunca a queixa. A voz de Acusación sabe que a consciencia é a fonte do seu poder, así non sexa univocamente para ben: “o verdadeiro teatro / é o que hai despois de comprender / pero non transformar”. (Auto)coñecemento, desdobramento, alteridade, fractura: “Estou sempre / no lugar seguinte. / Cando me deito / quero volverme erguer. / Cando me ergo / quero volverme deitar”.

A “calor enferma que o precipita todo” é  tamén aire quente que fai ascender o cepelín ou acusación primeira, e aquí o aire nunca é irmán do vento. Si ese desexo de levidade, de se arredar do perigo, que o libro non fará máis ca contradicir. Porfíase en datar de maneira exacta o golpe que precede a unha marca moura que logo será averdogada. Se cadra en pescudar onde é que se confunden impacto e afago e a posibilidade de xebralos. A febre tamén é calor, dela non se volve. Brecht sempre e non só ao fondo: o espazo do abandono é irrecuperábel. Calquera posibilidade de reconstrución pasa por habitar un outro lugar de consciencia: “–párate e mira / –non podo / –se non paras vaiche doer igual, pero vas comprender menos”. E todo acto de tomar con(s)ciencia, di, con Adrienne Rich, este libro, é un acto contra natura. Contra o confort: “pido que non se me cumpra capricho ningún”.

Xa laura, as lauras das Ortigas (Espiral Maior, 2007) deran para contarnos corpos femininos completos. Aqueles que unha parte non menor da poesía escrita por mulleres nos furtara nas últimas décadas, construíndo efectivamente un suxeito a enredar en veludo, moleza, tensión inocua ou tratados de arte amatoria. Habita Acusación, por contra, na fatiga da circulación de retorno, esa que cría frieiras, mazaduras, varices, marcas á vista. Esa que flúe por un circuíto só nun punto conectado coa circulación arterial, que se adensa e retarda porque a materia que lle toca mover é tamén residuo.

Anúncios

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão / Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão / Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão / Alterar )

Google+ photo

Está a comentar usando a sua conta Google+ Terminar Sessão / Alterar )

Connecting to %s

%d bloggers like this: