Skip to content

Todos os sons culpables

30/03/2010

Strength lies in improvisation

Walter Benjamin

O desvío era entendido polos situacionistas como unha reutilización de elementos preexistentes, en que perde importancia ­–chegando ata a perda do seu sentido orixinal– cada componente autónomo desviado, ao mesmo tempo que se organiza outro conxunto significativo que confire a cada elemento o seu novo sentido.

Tal parece ser a característica que mellor define o método empregado polo músico coreano Ryu Hankil, ao utilizar os residuos da sociedade de consumo para convertelos en instrumentos musicais: motores de reloxos, máquinas de escribir, discos ríxidos, micros de contacto, teléfonos, mp3, espertadores, radios, etc.; valéndose da amplificación da vibración dos obxectos para crear os seus sons.

Concerto de Ryu Hankil, Miguel Prado e Roberto Mallo. Fundación Luis Seoane, 13 de febreiro de 2010. Festival Sinsal extensión Fase

O sábado 13 de febreiro apareceu pola Fundación Luís Seoane para xuntarse por vez primeira cos músicos coruñeses Roberto Mallo e Miguel Prado, e ofrecer unha boa ración de música improvisada, como acostuma acontecer nos concertos organizados pola Asociación Cultural Fase.

Hankil no centro da sala cos seus trebellos, á súa dereita Roberto Mallo no saxo alto e á esquerda Miguel Prado manipulando o que semellaba ser unha cinta de vídeo e obxectos, foron creando un espazo sonoro caracterizado polo emprego do silencio, no que ían integrando de vagar os seus sons, nun ambiente marcado polo reducionismo, só interrompido por pequenos refachos de ruído.

Hankil manexaba os seu aparellos tanto manualmente como a través dun dispositivo no seu computador, dándolle un carácter á música máis mecánico e percutivo, mentres Roberto Mallo buscaba novos sons no seu saxo alto e xogaba coa retroalimentación que producía o micro no interior deste, conectado a un walkman e a varios pedais; Miguel Prado, pola súa parte, dedicouse a extraer diferentes sons a través da manipulación dunha cinta de vídeo, dándolle ademais un cariz máis performativo ao concerto, ao pegala por diferentes partes da sala. Alén da cinta, valeuse tamén de pequenos motores que ía activando e desactivando.

A música vai xurdindo dun xeito dialéctico, integrando as diferentes subxectividades nun proceso de creación colectiva, improvisada e espontánea; entendendo esta espontaneidade ao xeito de Raoul Vaneigem: como forma descontaminada, en continúa evolución e desenvolvemento, como forma aínda non ameazada polos mecanismos de control, cuxa posesión é un privilexio de aqueles a quen a longa resistencia ao poder dotou cunha conciencia do seu propio valor como individuos.

Concordamos co crítico John Corbett na idea de que a improvisación libre está estreitamente vencellada coa autodeterminación. Non podería ser doutro xeito. Baseándose tanto na escoita como na execución, establece outro xeito de facer música, na que o propio proceso é o seu fin.

Unha música que xa non é mera mercadoría, que non serve para anunciar carros. Música non reconciliada.

Anúncios
4 comentários leave one →
  1. 02/04/2010 21:08

    Música improvisada, instrumentos musicais feitos de refugallos, mestura de subxectividades, vangardismo, experimentalismo, a dialéctica polo medio… uhmm¡
    Gostaria ter ido a este concerto. Aínda que non tivese garantido o seu goce, si desde logo a súa novidade (para min, “of couse”).
    Excelente post Alexandre.

  2. María permalink
    08/04/2010 18:23

    Excelente artigo, abofé. Mais por que en inglés a cita de Benjamin?

  3. Alexandre permalink
    08/04/2010 20:53

    Púxena en inglés para respectar o dobre sentido que pode ter a palabra “lies”, máis nada.
    Obrigado.

  4. María permalink
    09/04/2010 18:37

    Dúbida aclarada! Beizón

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão / Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão / Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão / Alterar )

Google+ photo

Está a comentar usando a sua conta Google+ Terminar Sessão / Alterar )

Connecting to %s

%d bloggers like this: