Skip to content

O lugar chámase tránsito. Suburbia, de Oscar Mourave

24/06/2010

Suburbia é o título do primeiro libro de Oscar Mourave, publicado por Estaleiro Editora. É o seu primeiro libro en formato libro, porque desde hai anos Oscar é mantedor do blogue Finisterra, no que deu a coñecer algúns dos textos que se reúnen neste volume. Antes de máis, debo dicir que Oscar Mourave non é un poeta galego e que «Oscar Mourave» non é o seu verdadeiro nome.

Lembro perfectamente a primeira conversa que tiven con Oscar. Foi nun bar de Lisboa, ao saírmos dunha reunión política. Podiamos ter falado do tempo, pero o certo é que falamos de Virginia Woolf. Comentabamos cal era o noso libro preferido de Woolf e Oscar escolleu, sen dubidalo un intre, Orlando. Lémbroo porque me chamara a atención a seguridade coa que citou ese libro que sempre atopei tan estraño. Hoxe, pasados uns anos, despois de coñecer a escrita de Mourave, despois de moitas e longas conversas, non me sorprende en absoluto.

Explicareino falando de Suburbia. Os poemas deste libro proxectan unha ollada oblicua sobre a cidade, sobre os espazos que non nos pertencen. A ollada é a do inmigrante, de quen sabe que o lugar que habita non é de seu, de quen ten a certeza de que o mundo é un territorio estranxeiro. Como quería Hugo de San Vítor, nunha cita cara a Mourave: «Quen acha doce a súa patria non é máis que un tenro principiante; aquel para quen cada terra é como a súa propia xa é forte; pero só atinxe a plenitude aquel para quen o mundo todo é como un país estranxeiro». O inmigrante chega á cidade, constrúe unha vida, un percorrido cotián, transfórmaa, pero nunca a posúe. Quen di cidade di o arrabaldo do norte, o comboio da liña de Sintra, o Bar do Vítor, a casa dos amigos paquistaneses, a Palestina: o tránsito, o non-lugar. A escrita de Mourave debuxa este mapa de periferias e de percursos-outros nunha cidade que son todas as cidades. A palabra fai posíbeis os días, fainos respirábeis. O poema está en continuo movemento, non procura o verso perfecto. Acontece ao tempo que a vida, o poema suxo.

Digo que hoxe non me sorprende a preferencia de Oscar por Orlando. Nas páxinas finais de Suburbia hai unha breve autobiografía do autor, «As minhas revoluções». Aínda que nunca poderei estar certa, creo que Oscar non vai cumprir trescentos anos. Tampouco o imaxino encarnado en aristócrata na Inglaterra isabelina, nin vivindo nunha comunidade cigana na Anatolia, con corpo de muller. Do que si estou absolutamente segura é de que é mestre na arte da perda e na arte da reinvención. Por iso tamén estou convencida de que é un poeta galego. E de que o seu nome verdadeiro é Oscar Mourave.

[Presentación de Suburbia, de Oscar Mourave, no XXIII Festival da Poesia no Condado, o 4 de setembro de 2009]

Anúncios
One Comment leave one →
  1. Anónimo permalink
    30/06/2010 9:22

    Mahmoud Darwish na noite de Salvaterra, adorei!

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão / Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão / Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão / Alterar )

Google+ photo

Está a comentar usando a sua conta Google+ Terminar Sessão / Alterar )

Connecting to %s

%d bloggers like this: