Skip to content

A arte de desenfocar (por Samuel Solleiro)

21/09/2010

[Tres ámbitos nos que Tres cores: azul resulta, ao meu xuízo, profundamente innovador]

I. A viaxe como tema

O tópico literario orixinado a partir do famoso poema ‘Ítaca’ de Kavafis (Ítaca é o camiño a Ítaca, a grandes trazos, se un poema admite grandes trazos) non foi moi fecundo na literatura galega, que fala moito dos lugares de orixe e fala moito dos lugares de destino pero nada ou case nada sobre o momento da viaxe, sobre o que pasa cando o corpo se despraza, talvez debido a que a tradición galega da viaxe está atravesada polas experiencias da emigración e do exilio, ambas cunhas causas suficientemente materiais como para pensar en algo diferente das ganas de chegar, da terra firme. Hai excepcións: a máis notábel talvez sexa Arredor de si. Tres cores: azul está, 80 anos despois, no lugar oposto a esta novela. No libro de Otero Pedrayo a viaxe, a errancia, desemboca necesariamente nun retorno e através dese retorno canalízase toda unha proposta política. A viaxe en Tres cores ten valor de seu e o retorno é un momento indiferente agás na medida en que abre novas posibilidades de viaxe.

II. A dimensión poscolonial

O relato de viaxe (sempre orientalista, sempre exotista) sométese en Tres cores ao castigo (á vinganza) de ser redactado nunha prosa próxima do mito, da liturxia, é dicir, do incomprensíbel. É fundamental non deixarlle ao relato de viaxe ningunha posibilidade de simplificar, de dar cousas por sabidas, de colonizar en suma; colocarlle nos ollos o aparello de The Clockwork Orange para que non poida pechalos e sometelo á tortura de observalo todo, o que desexa e o que non, o que comprende e o que non. O suplicio de producir constantemente unha prosa difícil de aprehender na medida en que se refire a cousas igualmente difíciles de aprehender: a combinación de substantivos é a forma máis aquelada de explicar todo aquilo para o que non temos substantivos simples e tranquilizadores, o choque violento entre o sobreestímulo e a anomia: «Oriente exaculando na vaxina de Occidente».

III. O experimento

Tres cores é experimental en sentido literal: hai o experimento de procurar o estilo máis acaído para unha realidade concreta, para construír así unha narración através desta realidade. Porque hai unha narración, que ninguén o dubide. Afeitos a ler sobre a viaxe como algo frenético, como as aventuras de xente infatigábel, debemos saber que viaxar, e nomeadamente viaxar sen a compaña constante doutros seres humanos, está composto nun 95% de observación e só nun 5% de acción, que ademais é irrelevante case toda ela. Tres cores é a observación en estado puro das veas que o tempo abre precisamente para que as observemos. Parecería unha regra evidente se non fose tradicional o seu incumprimento sistemático: as cousas que transcorren devagar hai que narralas devagar.

Porén non hai por que lelas devagar. Ao contrario: Tres cores obríganos a procurar un ritmo de lectura e unha distancia moi concretas, e contrariamente ao que parece, ese ritmo non é lento, porque se o lemos demasiado a modo a narración desaparece e apenas resta a lírica, que como sabemos ten otra maneira de significar (lectura perfectamente válida tamén, pero que se pode efectuar en calquera momento apenas abrindo o libro por unha páxina ao azar). Contra quen invocan Finnegan’s Wake para comparar con todo libro que incorpora unha innovación na forma, eu (que non lin o libro de Joyce) prefiro lembrar a moitísimo máis lida (?) serie de libros d’O ollo máxico dun tal Marc Grossman nos que para atopar un debuxo (aquí a narración) cumpría que o ollo atopase primeiro o seu desenfoque preciso. Así hai que ler Tres cores non demasiado a modo e co libro a un metro da cara. Este libro esíxenos que saibamos ler através das palabras, que poidamos facer da necesidade virtude como pintores miopes que sacan os óculos e así poden pintar acuarelas copiando simplemente da realidade.

*********

Quand on lit trop vite ou quand on lit trop doucement, on n’entend rien (Blaise Pascal)

[Apresentaçom de Tres cores. Azul de Moncho Iglesias publicado por Estaleiro Editora.  Festigal, 24 de Julho de 2010]

Anúncios

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão / Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão / Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão / Alterar )

Google+ photo

Está a comentar usando a sua conta Google+ Terminar Sessão / Alterar )

Connecting to %s

%d bloggers like this: