Skip to content

ABOLICIÓN OU BARBARIE (algúns apuntamentos e unha solución)

28/10/2010

28 de xullo do 2010 o Parlamento de Catalunya prohibe a touradas. 31 de xullo do 2010 en Pontevedra comezan os festexos taurinos mentres un milleiro de persoas se manifestan nas rúas. A carraxe no imaxinario común. Unha semana despois Mariano Rajoy, Nuñez Feijóo e Pepe Blanco toman asento na praza de touros da mesma cidade, mostrando os dentes. Este é o escenario.

Comecemos polo final, que é o principio: non por obvia podemos esquecer que a destrución do sistema actual das cousas e a construción de novas formas de vida nas que, por suposto, non estaría lexitimada a barbarie, podería ser unha desexable solución para o problema.

Mentres tanto e indo ao práctico, debemos desbotar, polo momento, a idea de realizar unha Iniciativa Lexislativa Popular, xa que coa correlación de forzas existentes no parlamento galego, non parece posible que a iniciativa saia adiante e se aprobe.

Cómpre, polo tanto, poñer en valor as iniciativas sociais, os movementos e as resistencias que están agromando nun contexto no que o desinterese pola festa implica á inmensa maioría da poboación galega. Ao lado dos colectivos vinculados tradicionalmente á loita pola liberación animal, xorden novas iniciativas populares destinadas á abolición das touradas. Tomemos como exemplo a situación de cidades como A Coruña ou Pontevedra, nas que se producen os maiores festexos. Na primeira, ademais das accións de grupos autónomos, realizouse un seminario internacional contra a tauromaquia e estase a preparar a realización dun referendo por parte do colectivo Galicia mellor sen touradas, plataforma á que están adheridas unha chea de organizacións ecoloxistas, sindicais ou sociais. Pola súa banda en Pontevedra o traballo está artellado en torno á Coordenadora Antitouradas, organización plural que abrangue xente procedente dos centros sociais, movementos ecoloxistas, protectoras de animais, sindicatos combativos, organizacións xuvenís ou políticas. O traballo da Coordenadora está máis orientado cara á rúa. O precinto da praza, un roteiro de denuncia polas institucións colaboradoras, a instalación de paneis informativos, un pasarrúas, edición de material informativo, palestras e asembleas abertas, proxeccións de audiovisuais, recollidas de sinaturas ou reunións coas institucións, son algunhas das actividades realizadas que acompañaron á grande manifestación.

Seguindo nesta liña, semella que a estratexia pasaría por afondar no combinación de tres eixos de actuación. Por un lado, unha liña de presións políticas ás institucións, co obxectivo de frear a colaboración e o financiamento (lembremos que con cartos públicos). Por outro, seguir na liña de campañas de información, divulgación e denuncia. E por último un terceiro eixo no que englobar as accións imaxinativas de desobediencia civil destinadas ao boicot e ao sabotaxe.

Que xa vai sendo hora.

Anúncios
2 comentários leave one →
  1. Miguel permalink
    30/10/2010 10:02

    Na campaña de información, divulgación e denuncia (un dos tres piares de actuación dos que falas) habería que incidir con determinación en dous aspectos que considero nucleares: a interesada controversia creada arredor da fisioloxía do touro ( animanaturalis para intentar convencer con estudos científicos que non sinte dor física durante a lidia e a consideración da actuación do toureiro como unha manifestación artística .
    Por outra banda a desobediencia civil ten demostrada a súa eficacia en innumeraveis ocasións. Mágoa que non se utilice máis.

    • Alexandre permalink
      04/11/2010 17:49

      Tes toda a razón Miguel, ademais de “argumentos” como o de que se non existisen as touradas os touros se extinguirían ou demais parvadas coas que tentan convencer.
      Obrigado polo comentario.

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão / Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão / Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão / Alterar )

Google+ photo

Está a comentar usando a sua conta Google+ Terminar Sessão / Alterar )

Connecting to %s

%d bloggers like this: