Skip to content

TEATRO-MÁQUINA-CARNE (por R. V. Ponte)

08/04/2011

[…] O teatro-máquina de Marcos Abalde é unha fervenza de linguaxe mal asentada, linguaxe que desconfía de si mesma e ten por forza que se servir do lema, a consigna, a proclama e a pintada. Ao final este contido tráxico de Canibalismo enfróntanos a un destino do que non podemos escapar mentres continuemos a nos comportar de xeito tan civilizado. Porque Abalde cúspenos na cara e nós agradecémosllo e a «civilizaçom começa quando lhe cospes a alguém na cara e agradececho, quando lhe partes a cabeça a alguém e sorri, quando mijas por cima de alguém e di  que chove». Con todo, hai neste teatro cruel de Abalde unha semente que escapa á destrución completa. O seu  carácter espectacular, no que a forza do berro se transforma en besbexo monumental, imprímelle unha compoñente lúdica que poucas veces poderemos volver atopar nun texto-catapulta coma este. Esta lucidez lúdica achega un aquel de esperanza fundamentada na existencia necesaria dun final. Así nolo anuncia o manifesto do prólogo, que Abalde conclúe cunha fórmula que lle é tan querida e a min tanto me soa. Aquilo de que o espectáculo debe comezar posto ao final dun poema permite ao propio poema facerse corpóreo ao se volver canción, un himno de cemento e cristal. E hai esperanza porque Abalde ten a sorte de non se ter deixado atrapar polas gadoupas do realismo. A el o realismo chéiralle mal. Non cre en espellos que proxecten sombras. Sabe que os vampiros e os caníbales non nos reflectimos nos espellos. Abalde chegou a este mundo non para repetir vellos modelos que funcionan. Senón para se aventurar na experimentación do que aínda non hai. Teatro altermundista que só podería ser comparado cun cadro de Lugrís, Canibalismo somérxese gozoso nun Mäelstrom noruegués e nada civilizado. O verbo crea novas realidades porque para iso está. A perpetua utopía surrealista de a palabra ter que ter semente para crear. Esta peza é un texto catapulta que non remata en si mesmo senón nese exacto intre no que o pano comeza a se erguer. Até entón todo controlado, despois ninguén sabe o que virá. Viaxemos pois con Baudelaire «até o descoñecido até atopar o novo». Ese é o convite que Canibalismo fai. A mesma esperanza que encontramos ao final da peza, cando unha pregunta sen resposta nos obriga a continuar. Ou mellor dito, a comezar […].

Para continuar a ler: TEATRO-MÁQUINA-CARNE (texto íntegro)

 

[Apresentaçom de Canibalismo de Marcos Abalde publicado por Estaleiro Editora e celebrada o 21 de Janeiro de 2011 na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela]

Anúncios
No comments yet

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão / Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão / Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão / Alterar )

Google+ photo

Está a comentar usando a sua conta Google+ Terminar Sessão / Alterar )

Connecting to %s

%d bloggers like this: