Skip to content

Políticas culturais na Galiza (da última década) (4)

18/05/2011

Concordo con Comba en que os sistemas e as políticas culturais se consolidaron como afirmacións identitarias á par dos estados-nacións. No eido concreto da miña actividade, o comisariado de exposicións e a redacción de plans museolóxicos, sabemos que o nacemento concreto das institucións museais se dá na Europa do s. XVIII á par da promoción da cultura secular nacional.

En Galicia o nacionalismo centrou a súa atención na arqueoloxía e na antropoloxía e vencellado a este proxecto xurdiron os primeiros museos: o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Museo de Pontevedra. A renovación museolóxica pasou tamén polo nacionalismo, a nova museoloxía entrou polo Arnoia e impregnou a antropoloxía e a arqueoloxía galega en xeral.

Porén ao longo dos anos de goberno Fraga o sector foi dominado por un grupo moi endogámico de especialistas. Estes consagraron o seu traballo fundamentalmente á restauración e á arte sacra. Hoxe en día seguen ocupando postos estratéxicos na universidade e na administración e detrás hai unha estrutura moi ben organizada: o Opus Dei.  O halo de fetiche e cualificación técnica que rodea o sector ampara aínda hoxe o seu monopolio. «Galicia no tempo» non foi froito dunha acción errática, a dereita neste sentido está moi ben organizada.

Por suposto existen outras inercias, dende os ’80 os museos de todo o planeta achegáronse ao mundo do espectáculo, da feira popular e do entretemento de masas, pasaron a formar parte do marketing ou branding urbano e en Galicia, en apenas 20 anos, xurdiron novos contentores: o Domus, o Verbum, o Museo do Mar… Edificios espectaculares, abandeirados por reputados arquitectos pero sen un proxecto museolóxico claro alén do modernillo. Por norma os contidos foron encargados a empresas foráneas (especialmente catalás). A captación especulativa de fondos europeos e a axenda electoral primaron nestes proxectos. Aquí, dende logo, faise evidente aquela máxima de que a posmodernidade é efectiva mesmo onde a modernidade non o é, pois en Galicia a cultura entrou de cheo no capital sen unha industria cultural propia.

O caso dos museos de arte contemporánea é un pouco distinto, pois a nivel estatal se trata dun sector máis normalizado e aínda que tamén xurdiron nesta época o grado de especulación non foi tan grande, si cabería discutir en que medida ditos proxectos se incardinan na sociedade galega.

Como vos podedes imaxinar traballar neste marco é realmente complicado, a especulación ademais do baleiro creou inercias nas que os contidos se confunden coas aparencias, o deseño co discurso e nas que os tempos priman sobre a profesionalidade. A elite da Obra impide a libre circulación dos coñecementos e promove a falsa crenza (non podía ser doutro xeito) de que alén deles non hai ninguén máis. O grupo da renovación museística está hoxe lonxe da toma de decisións e sobre todo do diñeiro. E ademais parece que ninguén repensa o acontecido nin busca novas praxes. A soidade é infinita e sobrecolledora nesta Cidade da Cultura.

Sabela López Pato

Anúncios
No comments yet

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão / Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão / Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão / Alterar )

Google+ photo

Está a comentar usando a sua conta Google+ Terminar Sessão / Alterar )

Connecting to %s

%d bloggers like this: