Problemas por poesía
Salvaterra 2010. “Língua e serviços em mao comum”, lema redundante, malia que non se lle pode apor á S.C.D. Condado vontade de namais resistir. Porque levan vinte e catro festivais, porque a listaxe de poetas non só é delongada, dá conta, coma quen di, de toda a escrita poética posterior á reforma política, e dános mesmo para o esforzo de refugar a nostalxia ao atoparmos nomes como Manuel Cuña Novás.
Isto porque están os libros, porque aínda se poden conseguir, porque son os máis deles obxectos que unha quere ter desde por fóra, de Francisco Mantecón a Bértolo&Hidalgo. Alén diso, é difícil non pensar hoxe que o nome, «Festival da poesia», se mantén por fidelidade ao camiño andado. Non porque a escolla de poetas desmereza outras posíbeis. Se acaso foi nos anos últimos avanzando pasos na confluencia de tomas de posición entre quen convida e quen é convidado, sen que por iso se perciba ausencia de dialéctica. Aínda así no festival hai problemas por poesía. Dicir que é cousa do formato é reducionista, pero o escenario portátil coma para a Orquestra Panorama non axuda. Xa non é que imposibilite un simulacro de horizontalidade, é que desactiva a atención até facer que só quen ten abonda familiaridade con espazo similar, quen estivo noutras táboas e sabe botar man de recursos escénicos, performativos, non diremos espectaculares, aspira a conseguir que a súa voz non se perda entre o castelo de dona Orraca e o posto de venda de libros de Estaleiro Editora. Iso sendo conscientes de que ler e recitar son actividades desiguais, de que o campo da festa e unha libraría son espazos diferentes. Logo saen os músicos, que cantan poesía seguido ‒Labregos do tempo dos sputniks‒ e todo cadra. E este era o ano, a S.C.D. Condado tivo que repensar a dimensión do festival por causa de a que petos envía quen goberna, a cada paso máis, os cartos públicos. Percibiuse na escolla do espazo, un ou outro lado da fortaleza, tamén no número minguado de poetas noutras linguas, que en anos anteriores chegaban de Euskadi ou Cataluña, e no de chigres en que atopar libros ou pins de Leon Trostky. En pouco máis. A vida dos primeiros días de setembro en Salvaterra persiste na súa produción de felicidade, e iso debera levarnos a repensar o discurso sobre o (des)artellamento social nas vilas.
Na contra do que fica de material, a antoloxía, a metade dos nomes ‒Alicia Fernández, Branca Novoneyra, Samuel L. París, Elvira Ribeiro Tobío, David Rodríguez, Samuel Solleiro‒ dan conta dunha escolla que camiña parcialmente por diante da fábrica editorial. Tamén evidencian un oco crítico que non é só nominalista, non afecta unicamente a que non saibamos como denominar aquela á que por inercia lle tocaría a etiqueta de «xeración dos 2000». As aproximacións a unha escolma destes anos, fóra do institucional, podemos entender que están nas edicións do propio festival ou, por caso, nas páxinas da revista Dorna. Máis aínda, tampouco contamos sequera, fóra do ámbito académico, cun borrador para irmos desenvolvendo a reveladora «Cartografía sistémica da poesía galega» [que poden ler aquí mesmo] no relativo aos núcleos máis próximos no tempo. E non, non se está a propor que teñamos onde ir mirar como anda este semestre iso do canon.
Trackbacks